Sunday 28 de April de 2024

O servizo de asistencia xurídica gratuita da Xunta superou as 2.700 actuacións en Ferrol e a súa área de influencia e supuxo un investimento de máis de 713.000 euros


O delegado territorial da Xunta reuniuse cos Presidentes dos Colexios de Avogados e de Procuradores para facer balance do Quenda de Oficio en Ferrolterra

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, asistiu hoxe a un encontro de traballo co Decano do Colexio de Avogados de Ferrol, Luis Torres Foira e co vocal do Colexio de Procuradores da Coruña, Eduardo Luis Fariña Sobrino para facer balance do servizo de asistencia gratuíto en Ferrol e a súa área de influencia. Concretamente, o Delegado da Xunta informou que, no ano 2018, se levaron a cabo na Coruña e nos partidos xudiciais da súa influencia máis de 2.775 actuacións para atender ás persoas beneficiarias por este servizo gratuíto da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.
O ámbito de actuación do Colexios de Avogados de Ferrol, que conta con 182 avogados nos sistema de Quenda de Oficio, son os partidos xudiciais Ferrol con 171 avogados (Ferrol, Valdoviño, Narón, Mugardos, Ares, Cabanas, Fene, Neda, San Sadurniño, A Capela, As Somozas, Pontes de García Rodríguez) e o partido xudicial de Ortigueira con 11 avogados (Ortigueira, Cariño, Cerdido, Cedeira, Moeche, Mañón)
A Xunta inverteu no 2018 en Xustiza Gratuita, dependente do Colexio de Avogados de Ferrol e de Procuradores da Coruña, máis de 713.000 euros para atender 1.527 casos de xurisdición penal, 1.099 casos en xurisdición civil, 105 pleitos de xurisdición social e 292 casos do contencioso administrativo.
O delegado territorial informou dos requisitos que se teñen que cumprir os beneficiarios para acceder a este servizo do goberno autonómico. Concretamente, teñen dereito a esta prestación gratuíta os cidadáns españois, os nacionais e os dos demais Estados membros da Unión Europea e os estranxeiros que residan legalmente en España, cando acrediten insuficiencia de recursos para litigar.

Os estranxeiros non residentes que acrediten insuficiencia de recursos para litigar, terán dereito á asistencia letrada e á defensa e representación gratuítas na xurisdición penal, nos procedementos administrativos ou xudiciais que poidan levar á denegación da súa entrada, á súa devolución ou expulsión do territorio español e en todos os procedementos en materia de asilo.

Como excepción, non será necesario acreditar insuficiencia económica na xurisdición Militar, nin na orde xurisdicional social aos traballadores e os beneficiarios do sistema de Seguridade Social.

En conto aos requisitos económicos teñen dereito a este servizo as persoas físicas cando os seus recursos e ingresos, en cómputo anual e por unidade familiar, non superen o dobre do salario mínimo interprofesional vixente no momento de efectuar a solicitude. En canto as persoas xurídicas teñen dereito á Xustiza Gratuíta cando a súa base impoñible no Imposto de Sociedades sexa inferior á cantidade equivalente ao triplo do salario mínimo interprofesional en cómputo anual.
Ovidio Rodeiro destacou que a Xunta de Galicia “reafirma o seu compromiso coa Quenda de Oficio como un servizo fundamental para garantir a igualdade de acceso á Xustiza de toda a cidadanía”. O pasado ano 2017, Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e o Consello da Avogacía Galega asinaron un novo acordo que incrementou as compensacións económicas destinadas aos colexios de avogados e procuradores polas actuacións dos seus colexiados no ámbito da asistencia xurídica gratuíta, situando á nosa comunidade á cabeza de España no referente ás remuneracións dos letrados da quenda de oficio. No ano 2018 en Galicia incrementouse a partida destinada a este servizo en 200.000 euros.